FUSIÓN CAIXAS

Feijóo ve a "mesma" postura do PP en "toda España" sobre caixas

Fronte ao "ruído" para "vetar a fusión"

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que o PP ten "a mesma formulación" sobre o sistema financeiro "en toda España" e, fronte ás voces que denuncian contradicións entre a súa postura e o documento sobre caixas que presentou onte o PP nacional ao Goberno central, chamou a "non caer na trampa" de "xustificar" a quen busca "vetar" a fusión de Caixa Galicia e Caixanova con "ruído e confusión".

   "Os que queren introducir confusións e ruído só buscan vetar a fusión", recalcou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que insistiu en que o único que quere o seu partido é "que a normativa afecte a todos por igual". Con todo, advertiu que o "problema" de Galicia é o "presente" e non as "propostas de futuro" do PP, que defende eliminar o veto autonómico e crear "un novo tipo de caixas de ámbito nacional".

   "O PPdeG e o presidente da Xunta só responden ante os intereses de Galicia, o meu equipo é Galicia", replicou Feijóo, antes de resaltar que a Xunta ten "moi claro" que quere a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Así, indicou que, no actual modelo de caixas, as comunidades "teñen as súas competencias" e que é o Goberno a quen corresponde "ver e analizar" outras "propostas de futuro", como a que presentou onte o PP.

   Neste escenario, Feijóo advertiu de que o "problema real" que existe "no presente" é o "veto" á Lei de Caixas galega e a unha fusión que, recordou, apoia a Xunta, o PPdeG, o BNG, os sindicatos e a patronal na comunidade. "O problema de Galicia non é o futuro, é o presente; e estase a converter isto nunha cuestión grave de irresponsabilidade", denunciou.

   De feito, o máximo mandatario autonómico reprobou que haxa dirixentes políticos galegos --en clara referencia ao líder do PSdeG, Manuel Vázquez-- que "acudan a Madrid" para "boicotear" o futuro financeiro de Galicia e ver "como prexudican mellor" a comunidade, mentres o Goberno central mantén "paralizadas" as negociacións sobre a Lei de Caixas.

"INSULTAR" A GALICIA

   Na liña, Alberto Núñez Feijóo lamentou que "algún responsable" do Executivo estatal "non teña tempo para negociar" a Lei de Caixas de Galicia "en días laborais", pero si para "intentar reducir" a súa capacidade financeira "en mitins" e insultar a comunidade "en festivos e fins de semana".

   "Sería moi bo abandonar a técnica de vetar e impedir que Galicia teña caixas", aconsellou, antes de puntualizar que "as únicas propostas" que existen na mesa de negociación da Lei de Caixas son as que presentou a Xunta. "O Goberno central tenas sobre a mesa dende hai semanas, son as propostas que dita o sentido común e o respecto pola lei", engadiu.

   En canto aos cinco puntos da normativa nos que non hai acordo, Feijóo ratificouse na súa postura de que a Xunta está disposta a "modificar" a súa redacción, pero insistiu en que as "competencias exclusivas" que a comunidade ten sobre as caixas "se teñen que respectar". "É moi difícil negociar con quen non quere", lamentou.

   Malia as "dificultades" para seguir a negociación, anunciou que "non tirará a toalla" e que traballará "ata o final" posto que non está disposto "a ser cómplice" de que Galicia quede sen caixas". "Sentemos para seguir falando e analizar que é o que nos separa", propuxo o xefe do Executivo.

MODIFICACIÓN DOS ÓRGANOS DE GOBERNO

   Por outra banda, Núñez Feijóo pronunciouse sobre o informe xurídico encargado pola Consellería de Facenda para avaliar a situación dos membros dos órganos de goberno das caixas tras a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado sábado da admisión a trámite do recurso de inconstitucionalidade da Lei de Caixas galega.

   Este trámite suspende a todos os efectos os preceptos impugnados, entre os que atopa o que se refire á renovación das cúpulas, pero non o que establece as novas incompatibilidades e límites de idade para formar parte das asembleas xerais ou consellos de administración das caixas.

   "A Asesoría Xurídica está a analizar como se aplica a lei", sinalou Núñez Feijóo, quen destacou que iso é o que toca un Goberno que "cre" na lei e no Estado do Dereito. "Supoño que non seremos culpables do recurso e que non se imputará á Xunta os efectos da súa aplicación", concluíu.  

 


FUSIÓN CAIXAS

Feijóo pide ao Goberno "que poña data" para volver negociar a Lei de Caixas

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou este venres ao Goberno central, con José Luis...

FUSIÓN CAIXAS

Salgado afirma que os cargos electos "non deben estar" nos órganos de xestión das caixas

A vicepresidenta económica do goberno, Elena Salgado, mostrouse este xoves de acordo coa idea do PP de...



OTRAS NOTICIAS DE GALICIA

A venda de vivendas reduciuse un 19,4% en Galicia en 2009,...

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou este venres ao Goberno...

Galicia foi a terceira comunidade na que menos caeu o produto...

IMAGEN DEL DÍA

Nissan ha elaborado un plan industrial para su factoría de vehículos comerciales de Ávila que contempla reducir la plantilla desde los 650 trabajadores actuales a 500 empleados, así como la adjudicación de la fabricación de un nuevo producto a estas instalaciones, informó la compañía.