METEOROLOXÍA

Galicia estará en alerta vermella por ventos de máis de 150 km/h

A Xunta recomenda evitar saír á rúa, circular pola rede viaria ou navegar no período que dure o fenómeno adverso

Galicia estará en alerta vermella entre este sábado pola tarde e a madrugada do domingo por un novo temporal que deixará fortes ventos que poden superar os 150 quilómetros por hora nalgúns puntos da comunidade.

   En rolda de prensa o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicou que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) declarou a alerta vermella para esta fin de semana e, xunto con MeteoGalicia, coincidiu na "gravidade do fenómeno".

   Segundo as predicións meteorolóxicas, que expuxo o director de MeteoGalicia, Vicente Pérez Muñuzuri, o fenómeno adverso comezará previsiblemente sobre as 12.00-15.00 horas de mañá sábado, entrando polo Sur das provincias de Pontevedra e Ourense, e deixará Galicia entre a 1.00 e 3.00 horas do domingo por A Mariña lucense.

   Pérez Muñuzuri comentou que a previsión é que "esta borrasca ou cicloxénese explosiva que se formou hai poucas horas pase preto de Galicia". "O seu núcleo, dependendo da execución do modelo, unhas veces pasa por arriba ou outras xusto ao lado da comunidade", matizou. "Está claro que deixará ventos fortes do Sur ao Norte", apostilou.

   En canto á chuvia, o director de MeteoGalicia puntualizou que "non será tan abundante" como hai dous días, con entre 50-60 litros, senón que esperan "como moito" 40 litros en "pouco tempo".

   Villanueva explicou, tras a reunión do Comité asesor do Plan de Protección Civil para o risco de temporais, no que participaron representantes de diferentes consellerías da Xunta e da Delegación do Goberno, que xa se declarou a situación de "emerxencia" ante risco de temporal, polo que "xa están activados todos os medios dos que dispón a comunidade" para "previr e minorar" os riscos do fenómeno meteorolóxico.

   Ademais, indicou que se puxo en marcha un comité de crise e se vai constituír para este sábado un comité central que se vai reunir de forma permanente nas instalacións do 112 en San Marcos e constituiranse "por primeira vez" os comités provinciais de coordinación. De feito o PSdeG solicitara por teléfono ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a constitución dun gabinete de crise ante o temporal.

MEDIDAS

   Como consecuencia deste fenómeno vaise triplicar o número de teleoperadores que atenden a central do 112, para que poidan ser atendidas as incidencias de "forma correcta", pasando dos 7-9 habituais a 24.

   Tamén se habilitarán unhas liñas 900 específicas dirixidas aos profesionais que atenden as emerxencias e responsables das diferentes administracións que se queiran poñer en contacto coa central do 112 para evitar "saturación ou conxestión" do sistema "ante a previsible ondada de chamadas que se van producir".

   Estarán, así mesmo, de forma permanente técnicos de operacións que forman parte do servizo integrado de Protección Civil de Galicia, da Axencia Galega de Emerxencias (Axega); e vanse reforzar os parques de bombeiros que dependen da Xunta e Deputación, duplicando os efectivos en cada quenda.

   Pola súa banda, vanse reforzar as brigadas de Medio Rural, chegando a haber 1.500 efectivos a disposición do dispositivo; e incrementaranse tamén os medios de mantemento de estradas dos que dispón a Xunta de Galicia, con 500 persoas.

   O servizo de MeteoGalicia realizará tamén un reforzo de persoal durante a fin de semana para ter visualizada "en todo momento" a evolución deste fenómeno.

   Á súa vez Villanueva indicou que xa se realizaron outras medidas, como poñerse en contacto coas compañías telefónicas e eléctricas para que "reforcen os medios que habitualmente" ten na comunidade para cobertura de incidencias para tratar de paliar os danos que se produzan como consecuencia do temporal.

ALERTA A PEREGRINOS

   Como consecuencia do temporal de fortes ventos quedaron suspendidas as actividades deportivas durante toda a fin de semana. En concreto, entre outros, o Concello de Santiago informou de que as instalacións deportivas municipais permanecerán pechadas mañá todo o día.

   Pola súa parte, a Consellería de Cultura e Turismo deu aviso aos peregrinos que poidan estar en ruta durante o sábado para que eviten desprazamentos e queden nos albergues.

   Así mesmo, apuntou que se vai alertar os servizos de transportes de viaxeiros e doutro tipo; e reforzaranse os medios de conservación e mantemento de estradas. "Farase unha recomendación de extremar as precaucións", concretou.

RECOMENDACIÓNS A CIDADÁNS

   En canto ás recomendacións aos cidadáns, o director xeral de Emerxencias e Interior incidiu en que se eviten os desprazamentos e actividades no exterior durante o sábado pola tarde e o domingo pola mañá.

   No caso de ter que facer desprazamentos "inaprazables" aconsellou que se "extremen as precaucións polo forte vento lateral e posibles obstáculos na vía. No caso de ter que abandonar o vehículo recomendou que deixar este ben inmobilizado e sinalizado, a resgardo do vento.

   En estrada, sobre todo, incidiu en que en adiantamento a vehículos grandes ter precaución polo vento lateral. E no litoral recalcou a importancia de non se aproximar a zonas de batentes do mar; ademais de reforzar os amarres en embarcacións e non saír a navegar.

VIVENDAS

   Nas vivendas particulares, incidiu na importancia de "asegurar ou retirar" obxectos que poidan ser desprendidos como consecuencia do vento, así como o reforzo de portas e ventás; ademais de non se aproximar a zonas arboladas ou onde se poidan desprender obxectos, como muros, ruinas, cornixas ou carteis publicitarios.

   O director xeral advertiu tamén que hai que estar preparados para que se poidan producir cortes da suministración eléctrica" ou de telefonía e destacou que, en caso de avaría, se chame ás compañías subministradoras porque "o número do 112 non é para avarías, senón que está dirixido á atención das emerxencias".

   Con todo, Villanueva recalcou que a Xunta traballa "de forma activa e efectiva" dende hai días "e agora de xeito máis extremo para minimizar os danos". Aínda que dixo que a situación é "grave", matizou que "non se vai prolongar no tempo".

CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA

   Ante as previsións meteorolóxicas anunciadas para esta fin de semana, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil convocou o Comité Permanente para Situacións de Adversidade Climática ou Ambiental, que estudará a evolución de todos os ríos da cunca e a ocupación dos encoros "en tempo real", co fin de "tomar as medidas que, en cada momento, se estimen oportunas e poder actuar coa maior celeridade posible".

   Segundo indicou a confederación, a cunca Miño-Sil atópase ao 87 por cento da súa capacidade e a maioría dos encoros están a desembalsar. O encoro que máis auga está a soltar é o de Frieira, en Ourense, con 2.415 metros cúbicos por segundo, seguido do de Velle, tamén en Ourense, que está a deixar saír 2.200,78 metros cúbicos por segundo.  


METEOROLOXÍA

Emerxencias avisa de ventos de máis de 100 quilómetros por hora en Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta avisa para este xoves de ventos de máis...

METEOROLOXÍA

Emerxencias avisa de ventos de máis de 100 quilómetros por hora

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza...



OTRAS NOTICIAS DE SOCIEDAD

Un total de 14 imágenes sobre los efectos nocivos del tabaco...

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia atendeu este sábado unhas 1.000...

IMAGEN DEL DÍA

Nissan ha elaborado un plan industrial para su factoría de vehículos comerciales de Ávila que contempla reducir la plantilla desde los 650 trabajadores actuales a 500 empleados, así como la adjudicación de la fabricación de un nuevo producto a estas instalaciones, informó la compañía.